30 - 12 - 2005
[30/12/2005]/O Pontevedra ven de gañar por 3 goles a 2 ó Alondras, no amigable que disputou este serán contra o conxunto cangués. Os afeccionados que se achegaron ata Pasarón puideron ver en escea ás dúas últimas fichaxes: Fran González e Igor de Souza.
Alberto Argibay utilizou na primeira parte a Paco Bazán, Mauro, Fede Bahón, Azparren, Fran González, Cabrera, Fran Rico, Charles, Montenegro, Yuri e Tiago Belmonte. Nos primeiros 45 minutos tamén xogarían Iván Parada (saíu no minuto 30 por Paco Bazán) e Tinaia (ocupou o lugar de Fran González dende o minuto 38). Na segunda metade, o once granate estivo formado por Iván Parada (o cancerbeiro galego deixaría o seu lugar a Bonnis no minuto 60), Luciano, Dani Hedrera, Adrián Rivero (deixou o seu lugar a Rubén no minuto 72), Tinaia, Organista, Nasser, Alex Díaz, Baptiste, Manu Busto e Igor de Souza.
O Alondras non foi un rival doado para o Pontevedra, e foi o encargado de abrir o marcador. No minuto 27, Migui marcaba a porta baleira. O gol do empate chegaría no minuto 36, despois de que Fede Bahón rematara ás redes coa testa, un saque de esquina de Montenegro. Co empate a un gol, chegaríase ó intermedio. Nos primeiros minutos da reanudación, o Pontevedra adiantaríase no marcador por medio de Igor de Souza; o brasileño aproveitou unha erro da zaga do Alondras, e resolveu dun xeito extraordinario ante a saída do gardamallas Nando. O Alondras lograría igualar o marcador no minuto 57, momento no que Pablo alonxaba o balón nas redes da porta defendida por Iván Parada.
Nembargantes, pouco duraría a igualada no eléctronico, xa que catro minutos máis tarde, Organista, cun golazo que se colou por toda a escadra, anotaría o 3-2 definitvo. Nos derradeiros lances do encontro ámbolos dous conxuntos tiveron varias oportunidades para modificar o marcador: por parte granate, Manu Busto tivo un par de ocasións de gol, pero o gardamallas Nando estivo acertado, e no minuto 70, o colexiado, a instancias do seu auxiliar, anularíalle un gol a Baptiste por un máis que discutido fóra de xogo. Por parte do Alondras, Pablo estrelaría un balón na madeira, tras un gran xogada pola esquerda de Gustavo.
En definitiva, victoria granate por 3-2 ante varios centos de afeccionados.
Nova engadida por JBA @ 22:22  | Actualidade
Opinións (0)  | Enviar
Opinións