Á caza do líder
[28/01/2006]/O Pontevedra ten esta fin de semana a primeira das tres probas de fogo que terá que afrontar de forma consecutiva a domicilio (Fuenlabrada, Raio Vallecano e Universidade). O rival dos granates nesta xornada é o Fuenlabrada, cuarto clasificado con catro puntos menos co Pontevedra, con 8 victorias e 5 empates nas derradeiras trece xornadas e cunha traxectoria impresionante no Estadio de La Aldehuela, onde ningún equipo foi quen de levarse os tres puntos.
Alberto Argibay xa avisou que tras cinco victorias consecutivas, "o máis importante para nós é manter a dinámica que temos de victoria". Sobre o rival, o adestrador granate afirma que "seguramente a clasificación do Fuenlabrada é real. Nunha liga con tanta regularidade non pode ser doutro xeito. Ó final, cando estás ahí, é coma un agasallo a algo. Igual non ten grandes individualidades, pero sí un gran bloque traballado, que se fixo regular na súa casa, que sabe ó que xoga e que obtivo un xusto premio". En canto as condicións do encontro que propón, Argibay avanza que o Fuenlabrada é un adversario moi traballador, que presiona moito e que leva o envite ó terreo físico. "É un conxunto que obriga moito ó contricante a practicar un fútbol que lle interesa. É moi agresivo, remata moi ben os encontros. Teremos que xogar con moito sentido para obter un bo resultado".
Por parte madrileña, Emilio Ferreras, eloxia ó cadro granate. "Despois de velo na primeira volta, vexo co Pontevedra está por enriba dos demáis en canto a xogo e a plantel de xogadores. O que sucede é que nesta categoría o presuposto non o é todo. Apostar polo fútbol e polo traballo tamén é importante".
O técnico azulón explica que a causa pola que o seu equipo sexa a revelación da liga é "o traballo que están a facer os futbolistas. Hai un gran compromiso pola súa parte, teñen unha mentalidade gañadora". "A clave do éxito é sempre a mesma; gañamos tódolos encontros a base de esforzo e insistencia", afirma. En canto a que o seu equipo poida loitar polo ascenso, Ferreras non quere adiantar acontecementos. Segue coa mesma meta coa que comezou a tempada, a salvación. "Estamos a nove puntos dos 45, cos que acadaremos a permanencia. Entón xa pensaremos noutras cousas. Aínda é cedo para falar do play off".
En canto ó aspecto deportivo, semella que non haberá grandes trocos en ámbolos dous onces. Emilio Ferreras non poderá contar con Abraham, sancionado, nin con Oscar Carretero, mancado. Pola contra, voltarán ó once Dani Mayo e Jorge Fernández. Polo demáis, non se agardan máis novidades.
No Pontevedra tampouco haberá moitas modificacións. Quedaron na cidade do Lérez os lesionados Baptiste, Tiago Belmonte e Vázquez, e o recén chegado, Asier Ormazábal. Debido ás baixas en ataque, Igor de Souza perfílase unha semana máis como a referencia en ataque. O brasileño tentará seguir coa súa racha goleadora.
O cadro granate non estará só xa que preto dun centenar de afeccionados pontevedreses presenciarán o encontro dende as bancadas de La Aldehuela.
FICHA DO ENCONTRO
-FUENLABRADA: Ruiz Caba, Rume, Dani Mayo, Lago, De la Chica, Zazo, Yuma, Cabanillas, Jorge Fernández, Juli e Nacho Aznar.
-PONTEVEDRA: Bonnis, Luciano, Fede Bahón, Azparren, Fran González, Cabrera, Nasser, Mannara, Charles, Yuri de Souza e Igor de Souza.
-COLEXIADO: González Mateu.
-DATA E HORA: Domingo 29 de Xaneiro, ás 12 h.
-ESTADIO: La Aldehuela.