29 - 01 - 2006
Fuenlabrada -1- Pontevedra -2-

[29/01/2006]/O Pontevedra acadou unha sufrida victoria ante o Fuenlabrada. O tempraneiro gol materializado por Igor fixo co cadro granate se relaxase en exceso. O Fuenlabrada apenas levou perigo sobre a meta defendida por Bonnis, salvo nos intres finais, cando estivo a piques de igualar o marcador en dúas ocasións.
O primeiro tempo viu marcado polo gol incial de Igor, que no minuto 16, aprovitaba un erro na saída de Ruiz Caba, e anotaba de costas á porta rival. Os xogadores locais pediron unha posible falta de Charles sobre o gardamallas, pero a acción foi totalmente legal ó atoparse o cancerbeiro local fóra do área pequena. Co marcador o seu favor, o Pontevedra relaxouse en exceso, feito que aproveitou o Fuenlabrada para facerse dono do balón. Nembargantes, o mal estado do céspede a causa das xeadas, fixo que a circulación do balón fose case unha misión imposible. No minuto 25, Zazo recolle un balón dentro do área pero o seu disparo marcha desviado da porta defendida por Bonnis. Minutos máis tarde, sería Jorge Fernández o que probaba fortuna dende lonxe, pero o seu disparo marchaba por enriba do longueiro. Con esta escasa bagaxe ofensiva por parte de ámbolos dous conxuntos, chegaríase ó descanso.
Na segunda metade, o panorama estaba claro. O Fuenlabrada buscaría o gol por medio de balóns colgados mentres que o Pontevedra buscaría algunha contra para finiquitar o encontro. Sería o Fuenlabrada o que crearía perigo. No minuto 50, Jorge Fernández dispara dende a frontal do área pero o seu disparo peta en Charles en vaise á esquina. O Pontevedra apenas tiña presencia en xogadas de ataque, e Argibay optou por reforzar a defensa nun intento por defender o gol a favor. Mal lle sairía a xogada ó técnico pontevedrés xa que no minuto 68, o Fuenlabrada acadaría o empate despois dunha absurda perda de balón por parte do Pontevedra. July recibe totalmente só un balón ó borde do área, encara a Bonnis e define perfectamente deixando sen opción algunha ó meta francés.
Empate a un gol e volta a comezar. O Pontevedra saía decidido a buscar outro gol, algo que non fixera prácticamente nos minutos anteriores. Pero de todos é sabida a calidade que atesoran os xogadores granates. No minuto 74 chegaría un bo exemplo. Falta perigosa sobre Charles que Rubén Reyes executa maxistralmente. O seu disparo coa perna esquerda entraba por toda a escadra, facendo inútil a estirada de Ruiz Caba. Moito tíñanse que torcer as cousas para que se lle escapara a victoria ó Pontevedra.
Pero o Fuenlabrada non se deu por vencido e levou moito perigo nos derradeiros minutos do partido. Un minuto despois do 1-2, Juanmi intérnase no área, desfaixe de Bonnis cunha vaselina, pero cando semellaba que o coiro traspasaba a liña de gol, Fede Bahón despexaba o balón coa súa viqueira evitando deste xeito o tanto local. O cadro azulón seguía colgando balóns e buscando desesperadamente o segundo gol. A mellor ocasión para acadar ese segundo tanto chegaría no minuto 90, cando Bossa botaba unha falta lonxana, ninguén é quen de desviar a traxectoria do coiro i éste acaba estrelándose no longueiro da meta defendida por Bonnis; Nacho Azar recollería o rechace pero o seu disparo marcharíase desviado.
Coa sexta victoria consecutiva, o Pontevedra achégase ó Universidade, ó que ten a dous puntos. Agora agarda o Móstoles. Será o domingo en Pasarón.


FICHA DO ENCONTRO

-FUENLABRADA: Ruiz Caba, De la Plata, Dani Mayo (Cabanillas,80'), Lago, Rume, Jorge Fernández (Juanmi,61'), Zazo, Yuma, Luis Bejarano (Bossa,79') e Nacho Aznar.
-PONTEVEDRA: Bonnis, Mannara, Luciano, Azparren, Fran González (Tinaia,90'), Cabrera, Nasser (Organista,56') , Charles, Yuri de Souza (Fede Bahón,66'), Rubén Reyes e Igor de Souza.
-COLEXIADO: González Mateu (2). Amosoulle o cartón amarelo a De la Plata, Rume, Juanmi, Nacho Aznar, De la Chica (cando estaba no banco das suplencias) e ó adestrador Emilio Ferreras por parte do Fuenlabrada, e a Bonnis, Fran González, Cabrera e Organista por parte do Pontevedra.
-GOLES: 0-1,(min.16) Igor de Souza. 1-1,(min.68) July. 1-2,(min.74) Rubén Reyes.
-ESTADIO: La Aldehuela (500 espectadores; preto de medio centenar de afeccionados chegados dende Pontevedra).
Nova engadida por JBA @ 17:39  | Actualidade
Opinións (0)  | Enviar
Opinións