28 - 02 - 2006
[28/02/2006]/O tropezo do Pontevedra en Canarias non rematou coas ambicións do conxunto granate. Unha importante representación dos futbolistas do equipo consideran posible a consecución da primera praza do seu grupo de Segunda División "B". Os seis puntos e o golaveraxe que manexa como marxe favorable o Universidade nesa pelexa pola cabeza non son considerados como infranqueables. Os homes de Argibay son optimistas por varias razóns: porque ven ó plantel forte, porque entenden que o Universidade non é para tanto, porque hai tempo i encontros para recortar e porque xa foron quen de reducir amplias marxes de puntos con respecto ós insulares noutros momentos do curso.
Fran González é un dos que se agarra á fe razoada para pensar en verde. O liderato "é compricado", resume conscente da situación á que se enfronta o Pontevedra nos derradeiros trece envites. "Son seis puntos e o golaveraxe en contra. Pero a tempada é longa e seguramente eles (o Universidade) tamén perderán. Temos que estar concentrados para non pinchar cando eles perdan", explica o defensa catalán.
Do que non ten a menor dúbida o lateral esquerdo é de quén é mellor. "Somos máis equipo. Ogallá tocáseme o Universidade no play off", expresa con rotundidade. De feito, chamáronlle a atención algunhas carencias do seu contrario. "Quedéime sorprendido. Non me gustou. Pensei que ía ser un conxunto que tivese o balón. Pero no seu campo son moi compricados".
En calquera caso, Fran mira cara adiante, porque entende que a segunda praza, para o bo e para o malo, non é definitiva. Antes de loitar pola primeira posición hai que garantir a cuarta, comezando polo choque contra o Vecindario. "O partido do domingo é máis importante incluso que o que disputamos contra o Universidade".
Nicolas Bonis tamén cre nas posibilidades do Pontevedra. Para o gardamallas francés a remontada granate sería posible i explicable por unha simple cuestión matemática. "Tíñamos moitos menos puntos que o Universidade hai dez partidos e fomos quen de recortarlle terreo ó final da primeira volta. Creo que neste último tramo da tempada podemos logralo outra vez".
O arqueiro galo entende que o liderato segue sendo o obxectivo. "Seguimos con ambición. Todos temos a intención de ser primeiros ó final de liga".
O seu xuízo, o Uni non foi mellor que o Pontevedra. "Para mín o resultado non foi merecido. O máis lóxico houbera sido un empate".


-FONTE: Diario de Pontevedra
Nova engadida por JBA @ 14:19  | Actualidade
Opinións (0)  | Enviar
Opinións