O Pontevedra pode asegurar o segundo posto
[29/04/2006]/Segundo e terceiro clasificado mediránse este domingo en Pasarón coa intención de dar un paso de xigante de cara a conseguir a clasificación matemática para xogar as eliminatorias de ascenso.
A priori, o Pontevedra é o claro favorito para levarse os tres puntos, tal e como sinalan dende Gran Canaria, pero o cadro granate deberá confirmar esa superioridade sobre o céspede.
Alberto Argibay cre que a clave estará na velocidade en ataque, no ritmo que lle impriman os seus xogadores ó partido, e opina que o cadro insular tentará ter a posesión do coiro e explotar ó máximo os seus ataques. O técnico pontevedrés non poderá contar con Fran González, sancionado, polo que Tinaia posiciónase como titular no costado esquerdo da líña defensiva granate. Outro xogador que podería recuperar a titularidade é Yuri, aínda que Argibay xa deu a sorpresa a semana pasada deixando ó brasileño no banco, polo que non será doado acertar co once que utilizará o adestrador do Pontevedra. O que si semella que estará seguro é Cabrera; o mediocentro madrileño, que goza da confianza do seu adestrador, recuperouse a tempo e estará entre os once elixidos para xogar dende o inicio. Polo demáis, Argibay seguirá confiando no bloque que tan bos resultados lle deu nas derradeiras xornadas; haberá que estar atentos a Charles, que tentará seguir coa súa racha goleadora en Pasarón: nos últimos dous encontros, o brasileño anotou 5 tantos (endosoulle tres ó Alcorcón e abriu o camiño da victoria contra o Atlético B cos seus dous goles).
Pola súa parte, a Unión Deportiva As Palmas chega a Pasarón tras unhas semanas un pouco movidas na entidade amarela, aínda que a victoria ante o Melilla serviu para calmar un pouco as augas nas illas. A inesperada derrota que o cadro insular sufriu en Balaídos fai dúas semanas non lle sentou nada ben a Juanito, que acusou publicamente a varios dos seus xogadores pola súa actuación ante o Celta B. O adestrador xa deu un toque de atención ó longo da semana o seu plantel para que non ocorra nada semellante, avisando de que pode haber variacións no once, unha vez que recuperou efectivos para o domingo. Volven Aythami, Nauzet Alemán e Siro Darino, todos eles con moitas posibilidades de ocupar un posto no once inicial. Juanito sabe que o Pontevedra levará o peso do encontro e que é o favorito para levarse os tres puntos, aínda que non quere dar nada por perdido. A pesar de todo, o técnico do conxunto grancanario pensa que un empate en Pasarón non sería un mal resultado, tendo en conta que é o partido máis compricado que lle queda por xogar o seu equipo.
Será un mán a mán entre dous favoritos ó ascenso, un anticipo do que ámbolos dous conxuntos vanse atopar nas eliminatorias de ascenso; unha proba que determinará se realmente están preparados para afrontar o tramo decisivo do campionato.
FICHA DO ENCONTRO
-Pontevedra: Bonis, Luciano, Fede Bahón, Azparren, Tinaia, Cabrera, Organista, Charles, Yuri, Rubén Reyes e Igor.
-As Palmas: Pindado, Victor Afonso, Aythami, Gustavo, Nauzet Alemán, Aday, Alberto, Siro Darino, Juanma, Alejandro e Marcos Márquez.
-Colexiado: Francisco Arias López (Cántabro).
-Data e hora: Domingo 30 de Abril ás 12.30 horas. O encontro será retransmitido en directo pola Televisión Canaria.
-Estadio: Municipal de Pasarón.