[31/05/2006]/O Pontevedra chega á fase de ascenso nunha «moi boa» condición física e, a pesar das apariencias, Yuri é un dos xogadores con mellores cualidades para o esforzo. Luis Casais, o preparador físico do Pontevedra, está convencido de que a plantilla granate ten as pilas cargadas para afrontar o reto da fase de ascenso que iniciará o vindeiro domingo en Sevilla.
«O equipo chega nun moi bo momento físico e a nivel mental creo que van dar un empuxón importante nesta fase da competición», observa Casais, quen ademáis ve ó grupo «moi unido, moi concienciado e esa é outra arma importante».
Aínda que explica que é difícil definir ó xogador con mellores cualidades físicas «xa que son unha amalgama de subcapacidades» ó haber moitos que destacan pola velocidade, pola forza, e outros en resistencia, non dúbida en situar ó pichichi granate entre os mellores do plantel. «Yuri é un rapaz ben dotado», sosteñe o preparador, quen advirte que «moitas veces a apariencia externa adoita enganar a máis dun».
Nos distintos test físicos que realizaron ó longo da tempada Yuri demostrou ter «unha moi boa estructura muscular, ten ademáis moi boa capacidade de esforzo para a masa muscular que ten, é un rapaz súper veloz e tamén é relativamente resistente en carreiras de certo recorrido. Ademáis, as condicións técnicas que ten convírteno nun xogador importante».
Tamén sobresaen neste aspecto Azparren, Mauro -ó que Casais califica dun profesional que é a envidia de calquera técnico que queira traballar o seu carón-, Cabrera... «Hai moitos xogadores que destacaron pola súa boa capacidade e condición física», aínda que matiza que «non hai ese xogador universal».
O que xa non fará falta a partir de agora será motivar ós xogadores. Casais coincide en que «cando te metes nun play off e lle miras á cara ó xogador parece que respira doutra manera. A xente está moi concienciada do que ten que facer, con moitas gañas de vivir estes momentos e tómanse isto coma unha experiencia moi positiva e grata para eles. Nótaselles que son competidores natos».
Polo tanto, descarta que o apretado final de Liga que tivo que realizar o Pontevedra para asegurar a súa clasificación na fase de ascenso non lle pasará factura. «Se tivesemos que afrontar un período de seis partidos, ou así, é posible que se fixera longo, pero neste tipo de eliminatorias, nas que só nos centramos nestes quince días, aínda que haxa equipos que cheguen mal, o desexo e sobre todo a xente que está apoiandote e todo o que te estás xogando fai que saques forzas de fraqueza e quizáis o aspecto físico deixa de ser excesivamente relevante».
A Voz de Galicia