[31/05/2006]/As oficinas que o Pontevedra Clube de Fútbol ten na rúa Benito Corbal viron hoxe como varias ducias de afeccionados se achegaban ata alí para facer a súa reserva para asistir ó encontro que o Pontevedra disputará o vindeiro domingo en Sevilla contra o filial sevillista.
A meirande parte dos que se achegaron ata a sede do clube tíñan a intención de escoller a opción 1, que incluía hotel na cidade hispalense para pasar alí a noite do sábado. Ante a gran demanda de peticións para esta opción, o clube viuse na obriga de ter que facer máis reservas de habitacións en hoteis de Sevilla. A media tarde, o persoal que traballa nas oficinas logrou atopar prazas de hotel, polo que a maior parte dos afeccionados que acudirán ó encontro entre o Sevilla "B" e o Pontevedra viaxarán este venres por Portugal.
No que respecta á opción de viaxar o sábado pola noite para chegar á hora do comezo do encontro ó estadio, a federación apenas logrou encher medio autobus, aínda que se agarda que nos últimos días para apuntarse, a xente se anime e reserve a súa praza.
Por outra parte e a falta de confirmación oficial, semella que o prezo de cada entrada será de 15 euros, aínda que haberá que agardar para saber se finalmente ese prezo é o definitivo ou hai unha pequena rebaixa.