28 - 06 - 2006
[28/06/2006]/O Pazo provincial acolleu hoxe a reunión da mesa de contratación de Pasarón que acordou, por unanimidade, adxudicarlle a reforma do estadio á Oreco Empresa Construtora, que foi a que tivo un maior número de puntos, entre as 13 entidades que optaron ao concurso, de conformidade co prego de contratación.
Oreco Empresa Construtora, que ten a súa sede en Vigo, foi a que ofertou o prezo económico máis vantaxoso de 7.237.740 euros sobre un tipo de licitación de 8.250.000 euros. Do mesmo xeito reduciu a 18 meses o prazo de execución establecido no prego de condicións en 28 meses e ofertou un período de mantemento de 36 meses (24 meses máis que o período de mantemento establecido pola lei en 12 meses). Finalmente, os técnicos tamén valoraron o control de calidade.

Primeira pedra

A vicepresidenta e deputada delegada de Deportes, Teresa Pedrosa, afirmou que "se todo vai ben a finais do 2007, comezos do 2008, a obra estará rematada". Do mesmo xeito adiantou que o contrato será asinado os vindeiros días coa empresa e "inmediatamente, en 15 ou 20 días, poderemos ver as máquinas en Pasarón".
Non obstante, Teresa Pedrosa aclarou que a fase terceira de Pasarón non se vai poder comezar xa que o Concello de Pontevedra non resolveu o problema dos terreos e non conta con licenza. Por este motivo en principio só se van a executar a primeira e a segunda fase da obra. Finalmente, a vicepresidenta, Teresa Pedrosa, salientou que "hoxe é un día moi importante para a Deputación posto que, despois de case tres anos loitando pola súa contratación, estas obras emblemáticas verán a luz os vindeiros días cando estaremos en disposición de colocar a primeira pedra".


Deputación de Pontevedra
Nova engadida por JBA @ 14:33  | Actualidade
Opinións (0)  | Enviar
Opinións