[29/06/2006]/O Pontevedra uníuse á proposta do Racing de Ferrol para eludir aos equipos canarios a vindeira tempada. Os longos desprazamentos e os campos sintéticos supoñen unha rémora importante para estes dous clubes, aos que se uníu o presidente do Ourense, que será o portavoz galego na reunión que se celebrará ás 12 da mañá de hoxe na sede da Federación Española de Fútbol para definir a composición dos grupos.
A proposta, que deberá contar co beneplácito federativo e posteriormente haberá de ser ratificada o 20 de xullo pola asamblea, elude a madrileños e canarios. Isidro Silveira plantexa que cos cinco equipos galegos (Pontevedra, Racing de Ferrol, Lugo, Ourense e Celta B) estean os tres asturianos (Oviedo, Marino e Universidade de Oviedo), os dous cántabros (Racing de Santander B e Ximnástica de Torrelavega), os seis de Castela-León (Burgos, Valladolid B, Zamora, Palencia, Cultural Leonesa e Guijuelo) e os catro de Estremadura (Badaxoz, Mérida, Extremadura e Villanovense).
A composición definitiva non depende de que sexa a mellor opción para os clubes máis próximos xeográficamente senón que o prioritario é que «non trastoque a composición dos outros grupos», segundo apuntou o director xeral do Pontevedra, Elías Espiñeira.
Fontes cercanas á Federación Española de Fútbol cren que será difícil que se leve a cabo a modificación en base, unha vez máis, ao que eles califican como «distribución por proximidade xeográfica, como se ven facendo». É dicir, para os federativos Galicia está máis preto de Canarias que de Asturias, Zamora ou Castela-León.
Haberá que ver se os argumentos que esgrima na mañá de hoxe o presidente do Ourense, Xoaquín Muñoz, na capital do Estado sexan o suficientemente convincentes como para acabar coas peregrinacións ao arquipélago canario, aínda que a vindeira tempada serán catro equipos insulares en lugar dos sete da tempada pasada.
A diferencia do Pontevedra, tanto Vecindario como As Palmas, conseguiron o ascenso á Segunda División e o Castillo descendeu.
A Voz de Galicia