[30/07/2006]/Pretempada estreada. O Pontevedra Clube de Fútbol debutou nun encontro non oficial de verán con dúas caras sobre o céspede, unha arrolladora e outra tristona. Ningunha das dúas esperada. O conxunto granate recopilou unha derrota do campo de Coruxo fronte a un rival de inferior categoría que non acaparou tantos méritos como goles. Cousas do fútbol, ciencia difusa non matemática, por moito que se defina polos números.
O cadro de Argibay realizou unha primeira metade moi boa, un primeiro cuarto de choque excepcional e unha acción de gol memorable. Sobrepasou as expectativas do primeiro día, que xeralmente adoita ser de timidez e coñecemento máis que de alta expresión balompédica. Notouse que sobre o céspede estaban nove que xa se coñecían, aos que se uníron Mikel Saizar e o zurdo Jesús, sub-20 prometedor que de extremo foi reconvertido a lateral.
Precisamente, o rapaz de ouro foi o que regalou o 0-1 a Tiago Belmonte. Distribuíu Nasser cara a chegada polo extremo do xoven, que ergueu a cabeza, viu a Tiago e colocoulle o balón no punto exacto, en espazo e tempo.
O Pontevedra divertíase e abusaba de categoría por aquel entón. Nos primeiros vinte minutos fixo case todo ben, menos meter máis veces a pelota dentro da porta rival. Nasser gobernaba o centro do campo, Rubén Reyes impoñía a súa xerarquía algúns metros máis cara diante e o bloque combinaba con relativa comodidade e fluidez. Incluso Tiago Belmonte mostrábase determinado, pelexón, presente.
Nembargantes, non houbo ningunha cuchillada ao pescozo do Coruxo. Tentaronno Organista, Tiago Belmonte cun par de testarazos e Nasser cun lanzamento exterior.
Despois, aos granates lles deu o baixón. Perderon luz e forza, viñéronse abaixo pouco a pouco e deixaron que o Coruxo pasase da nada a ser, por fin, un equipo. Os vigueses chegaron incluso a ter a súa ocasión antes do descanso.
Tralos vestiarios, co preceptivo carrusel de trocos en ámbalas dúas escadras, o bloque pontevedrés acabouse difuminando. En 45 minutos de pouca bagaxe ofensiva, os pontevedreses fallaron preto da súa portería e consentiron unha inesperada remontada, con protagonismo de dous ex granates. Óscar Pérez marcou o 2-1 vigués e Toni repartíu xogo dende o centro do campo con criterio. O resultado foi o de menos. O turno dos xóvenes foi unha peaxe demasiado cara, tanto como a autopista Vigo-Pontevedra.
Diario de Pontevedra