29 - 08 - 2006
[29/08/2006]/Amarrados os tres primeiros puntos do campionato da regularidade, o Pontevedra dispóñese a poñer contra as cordas ao Raio de Pepe Mel. O tropezo ante o recén ascendido Puertollano na primeira xornada de Liga aínda non foi dixerido no clube vallecano. «Foi unha derrota que fixo moito dano», admitiron dende a entidade de Vallecas. E é que é moi difícil de asimilar quedar fóra da fase de ascenso a pasada tempada, pese a ter un dos presupostos máis altos da Segunda B, e comezar a campaña seguinte perdendo na casa.
A expedición do Pontevedra partirá hoxe cara Madrid ás 9.50 horas, sen Vázquez nin Fran Rico nin Organista. Á marxe deste último, concentrado coa selección sub-21 de Portugal, o capitán e o xoven canteirán deron paso na lóxica rotación a xogadores como Rubén Reyes, Humberto Soares e Tiago Belmonte. Tampouco viaxan os canteiráns Jesús e Manu Rodríguez, que teñen ficha no primeiro equipo.
A convocatoria para o encontro de mañá no Teresa Rivero -dará comezo ás 21.00 horas- a conforman Bonis, Saizar, Luciano, Asier Ormazábal, Dumast, Baggio, Azparren, Machado, Nasser, Humberto, Víctor Ormazábal, Charles, Baptiste, Rubén Reyes, Yuri, Igor e Tiago Belmonte. Está previsto que cheguen a Madrid sobre as cinco e media da tarde e xa reservaron campo de adestramento nas Rozas para realizar o ensaio previo á eliminatoria copeira.
O Pontevedra tomouse este partido coa seriedade que corresponde xa que, de superar ao equipo de Pepe Mel, daría un gran paso cara o sorteo no que se atoparán os equipos de Segunda B e Terceira cos clasificados para a Copa de Europa e da Uefa.


A Voz de Galicia
Nova engadida por JBA @ 14:09  | Actualidade
Opinións (0)  | Enviar
Opinións