[30/08/2006]/Charles Días Barbosa, un dos xogadores máis queridos pola afección granate a pesar de que non volveu a atopar a chispa coa que afrontou a segunda volta da Liga na Segunda División, amósase optimista en torno ao desenlace da eliminatoria desta noite. «Estamos coa moral alta xa que comezamos a Liga moi ben, gañando, e queremos volver a facelo contra o Raio», precisou.
Decidido a facer borrón e conta nova sobre os incidentes da tempada pasada cos madrileños, Charles cre que «non hai que pensar naquelo xa que agora estamos noutro ano e queremos gañar sen pensar noutra cousa».
Vaticina unha eliminatoria moi compricada ante a entidade do rival, aínda que precisa que «eles tamén pensan que lles será moi difícil». «Creo que ningún dos dous equipos tivemos sorte no sorteo. Saíu o Raio e agora hai que ir a por todas para conseguir a victoria».
«Estes partidos -prosegue- gáñanse con moita loita, con moita entrega. Creo que se erramos pouco e conseguimos parar ao Raio adiante, teremos moito gañado». Charles recomenda tamén que todo o equipo estea «xunto para non deixarlle espazos. Seguro que vai saírnos todo mellor e imos gañar».
Está desexoso de comezar a entrar na lista de goleadores esta tempada. Hoxe o intentará na Copa do Rei, aínda que lamenta que o seu rival salte ao terreo de xogo con tanta vantaxe. «É unha mágoa que unha eliminatoria coma esta se xogue a un só partido. É que iso non é suficiente para que o Pontevedra quede fóra».
Partido único
Charles entende que xogarse a eliminatoria a un partido «oblígache a non cometer erros». «É moi distinto -explica- xogar unha eliminatoria sabendo que non vai haber partido de volta. Tes que saír ao campo moito máis concentrado para non cometer erros polo que hai que xogar mellor para poder continuar adiante nesta competición».
O brasileño non desexa, baixo ningún concepto, que haxa que chegar esta noite á prórroga para decidir a eliminatoria. «Ogallá que non pase iso porque temos un partido importante o domingo e xa estamos moi cansos para ter que xogar unha prórroga». Agarda vencer en Vallecas «nos noventa minutos».
Sobre o rival asegura que lle dixeron «que o Rayo é un equipazo, aínda que creo que non é mellor ca o Pontevedra; se ben iso haberá que dicilo no campo». «Non vale dicir aquí que somos os mellores e mañá [por hoxe] non nos deixamos a pel no campo», precisa o futbolista granate.
«Ogallá que sí», responde Charles á pregunta de se explotará definitivamente coma xogador esta tempada. «Agardo que todo saia ben e que o Pontevedra consiga ascender. Sería o máis bonito que podería pasarme».
O desprazamento en bus cara Madrid foi bo, aínda que «quedamos un pouco cansos e agora imos adestrar un pouco», manifestou finalmente antes de coñecer as últimas indicacións do técnico granate e a aliñación que presentará esta noite en Vallecas.
A Voz de Galicia