28 - 09 - 2006
[28/09/2006]/O Pontevedra atopou o domingo pasado en Butarque a solución aos seus males cun sistema de xogo que xa lle deu excelentes resultados noutros anos: o 1-3-4-3 no que destaca que a líña defensiva está formada por tres centrais, dous carrileiros con moito percorrido, dous mediocentros e tres homes en ataque.
Con este plantexamento táctico o Pontevedra gañoulle o domingo pasado ao Leganés e é o mesmo que utilizou a tempada pasada contra o Atlético de Madrid B en Pasarón, conseguindo un escandaloso triunfo (6-0) que acabou convertíndose no seu récord de goleadas na Segunda División B.
O 16 de abril, os afeccionados granates disfrutaron dun dos mellores encontros do seu equipo no vello estadio do Burgo.
Todo apunta a que Alberto Argibay volverá a darlle unha nova oportunidade a este sistema de xogo. Os xogadores interpretaron á perfección o concepto táctico e xeraron máis ocasións de gol en Butarque ca nos catro encontros anteriores de Liga co Racing de Ferrol, Lugo, Talavera e Fuenlabrada.
Ademáis, aínda que houbo algún desaxuste defensivo e Víctor Ormazábal non aportou nada nin en defensa nin en ataque, o bloque mantivo un bo equilibrio defensivo, cunha primeira media hora de xogo espectacular, coma nos mellores encontros da campaña pasada.
O adestramento desta tarde en Pasarón, de novo a porta pechada, servirá para perfilar tanto o sistema coma os once xogadores que saltarán inicialmente ao terreo de xogo o domingo.
Unha das novidades para os afeccionados granates será a recuperación de Humberto Soares, ao que apenas tiveron oportunidade de ver tras ser presentado como unha das grandes fichaxes do equipo. En Leganés, aínda que acusou a falta de ritmo, deu mostras da súa calidade técnica. Das súas botas saíron varios balóns ás costas da defensa rival e contribuíu en gran medida a que se puidese ver en acción ao Yuri participativo ao que tanto aprecian os siareiros do equipo granate.
O partido do domingo será tamén especial para Charles. O brasileño completou ante o filial roxiblanco o pasado curso unha actuación redonda, con dous espléndidos goles.


A Voz de Galicia
Nova engadida por JBA @ 14:35  | Actualidade
Opinións (0)  | Enviar
Opinións