[27/10/2006]/A primeira media hora do Universidade-Pontevedra podería ser determinante. Alberto Argibay anúnciao, perfila o seu once, baralla opcións para o centro do campo e reivindica a capacidade do equipo para gañarlle a calqueira e en calqueira punto da península e as Illas. O técnico comeza polo principio: o do seu discurso e o do encontro. Os primeiros trinta minutos son vitais para alguén que non está habituado a pisar en céspede duro e aínda por riba co vento como inimigo. "O máis importante é a primeira media hora. Ao equipo que non está acostumado sempre cústalle máis. Medímonos a un adversario que ten moito potencial, xoga moi ben ao fútbol e está moi forte no seu campo".
O preparador pontevedrés debe ter na memoria o primeiro partido que se levou a cabo a tempada pasada en herba sintética. Foi contra o Lanzarote e naquela ocasión os trinta minutos foran, máis ca un perigo, un terror. Os granates xa perdían por 3-1 no minuto 31 de xogo e ao remate apañaron un 4-3. Dende aquela, non volveron a recibir tantos goles. O vento e a falta de costume dos defensas e o gardamallas conduciran a unha derrota que se consumou excesivamente cedo. Nese apartado no que o chan e o vento teñen o seu protagonismo, aparece en escea un aspecto do fútbol que soe darlle resultados positivos ao Universidade, a estratexia. "O balón parado pode ser a faceta máis importante deste encontro polas características do rival. Ten poder no xogo aéreo, pero ademáis posúe excelentes lanzadores. Son un conxunto acostumado a gañar moitos encontros nos últimos minutos. Cando un bloque ten moita autoconfianza en determinados aspectos do xogo, cre ata o final neles. É aí onde conseguíu moitas victorias", asevera Argibay, que por iso estivo ensaiando os aspectos defensivos especialmente durante a semana e concretamente no adestramento de onte.
Algo que podería ser fundamental sería o feito de adiantarse no marcador. A penúltima visita do Pontevedra á casa do Uni (2002-2003 no Juan Guede) foi un 0-2 con protagonismo de Javi Rodríguez. Na última cambiou o rol victorioso (1-0 para os canarios). En definitiva, ao Uni "cústalle moito máis xogar contra o resultado, pero como lle sucede a tódolos equipos".
Diario de Pontevedra