[17/11/2006]/Alternou o banco coa grada e o domingo pasado regresou ao once. O colectivo cumpriu, volveu a Pontevedra cos tres puntos e o central navarro rendiu a un gran nivel no Sánchez Menor. Unha semana despois, Mikel loita por manter a súa praza. "Sempre está ben que traballes día a día para que o míster conte contigo e cando chegue ese día, tentar non saír de aí. A partir de agora non teño que facer nada diferente ao que facía ata o de agora, só seguir adestrando para que o domingo poida seguir no once". Despois do amargo empate na casa ante o Ourense, o central granate apela ao espiritu do Puertollano para romper con esa racha negativa do Pontevedra no seu feudo. "O de Puertollano era un partido difícil. Viñamos dun partido na casa no que o público non quedou contento co traballo do equipo, queriamos resarcirnos desa situación e nada mellor que gañar na casa do segundo clasificado 1-5 nun campo no que ninguén gañara. Non nos temos que deixar levar pola euforia e seguir co traballo que se fixo o domingo alí. É certo que os resultados están sendo mellores fóra pero nós saímos a gañar o partido sen ningún medo, estamos con tódalas gañas do mundo e a verdade é que temos gañas de facer un gran partido ante o noso público".
Con respecto ao vindeiro inimigo, Azparren afirma que "é un equipo perigoso e sobre todo fóra da casa. Son xente veterana e coñecen moi ben a categoría. Van vir sen presión".
Diario de Pontevedra