[17/11/2006]/Coa ausencia do 'pistoleiro' Igor na punta do ataque e a orfandade no lateral dereito despois da expulsión de Asier Ormazabal no derbi ante o Ourense, chegaron os retoques. Durante a semana previa ao importante duelo en Puertollano foron dous os futbolistas que recobraron o protagonismo: o mediapunta de orixe francés Ibrahim Baptiste e o polivalente zagueiro de Budiño Luciano.
Coa rotura abdominal de Igor, baixa para tres semanas, e o maltreito xeonllo de Tiago Belmonte, que aínda non é quen de recuperarse, o equipo quedaba sen unha clara referencia ofensiva e Baptiste gañaba enteiros. Pese a todo, as escasas oportunidades coas que contou o 11 granate durante o presente exercicio e en similares situacións facían presaxiar de novo a súa suplencia e así foi. O de París sentouse no banco e disputou os últimos 17 minutos cando o "pescado" xa estaba vendido. A praza no lateral dereito, nembargantes, ofreceu menos dúbidas ao técnico e Luciano partiu de inicio no Francisco Sánchez Menor.
Ante o equipo revelación do campionato, segundo clasificado e intratable no seu feudo, o máximo responsable do vestiario lerezano reestructurou o sistema: volta aos tres centrais (Baggio, Dumast e Azparren) e aos dous laterais de longo percorrido (Machado e Luciano). Organista e Nasser repartíronse a zona central do campo e Rubén Reyes, Charles e Yuri fixeron dano arriba. O 1-5 final deu a razón ao adestrador e todo apunta a que ante a Ximnástica podería volver a confiar nos mesmos para tratar de acabar con esa pantasma que persegue ao bloque no vello campo do Burgo, pese á volta trala sanción do ata o pasado domingo dono e señor do lateral dereito, Asier Ormazabal. "Equipo que gaña non se debe tocar moito. Eu polo menos respeto bastante iso". ¿Co mesmo sistema pese a xogar na casa?. "Os sistemas son máis ou menos funcionais en función dos xogadores que utilices. O noso fútbol sempre foi un fútbol dinámico e con ese sistema podemos xogar perfectamente ao ataque e ao contraataque. A cuestión é outra, ter máis dinámica e saber ler un pouco os partidos". Deste xeito expresábase Alberto Argibay ao remate da sesión matutina de onte en Pasarón. O míster deixao caer... Vólvense a admitir apostas.
Diario de Pontevedra