[29/12/2006]/Nos últimos dous meses aparece con asiduidade o seu cromo no capítulo de xogador máis destacado. Rubén Reyes foi o futbolista do Pontevedra que despediu o 2006 en mellor forma ata o punto que son moitos os afeccionados que se preguntan cómo, coa calidade que ten na súa zurda, pode estar xogando na Segunda B. Aínda que a maioría dos clubes optaron por prolongar as vacacións navideñas ata o vindeiro 2 de xaneiro, os granates xa comezaron a rodar o martes. O asturiano foi dos primeiros en reincorporarse aos adestramentos tras pasar a Noiteboa no seu Xixón natal. É dos que opina que un descanso como este «sempre ven ben para cargar as pilas e para estar uns días coa familia».
A falta dos encontros contra o P.Jandía e o Orientación Marítima para pechar a primera volta da Liga, o centrocampista asturiano califica a traxectoria do equipo como «positiva». «Estamos nos postos que queremos e iso non quere dicir que non se poida mellorar; ese ten que ser o obxectivo da segunda volta para chegar en bo estado ao final da Liga», matiza Rubén Reyes.
Non aparenta ser rencoroso. Outro no seu lugar encaxaría, a bo seguro, de peor grado a suplencia a pesar de que cando sustituía a un compañeiro demostraba unha abismal superioridade. «Tomeino como cousas que pasan, moitas veces non sabes porqué, pero que existen no fútbol e intentei asumir con forza a situación xa que é neses momentos cando tes que demostrar que estás por enriba de tódalas contrariedades coas que te atopas e olvidarse de todo o que pasa ao teu arredor».
Só quere mirar para adiante para «non volver a vivir unha situación así porque non o pasei ben e quero seguir aportando ao equipo o meu graniño de area para que as cousas lle sigan saíndo ben ao equipo».
¿Chegou a plantexarse nalgún momento saír do Pontevedra?. Resposta: «A situación vivida foi dende principio de Liga e eu tíña claro que tíña capacidade para cambialo e pouco a pouco puiden conseguilo e, aínda que non tiven as cousas doadas, fun demostrando que podía aportar algo a este equipo».
Ten claro que quere xogar nunha categoría «o máis arriba posible e cada día teño máis gañas, xa que creo que agora mesmo podo ao estar mellor que cando xogaba en superior categoría».
Non se resigna á Segunda B.- Rubén Reyes asume, non sen certa resignación, que por diferentes situacións «non estou na Segunda División ou máis arriba» e, aínda que dí estar «contento» na Segunda B, aclara que «iso non quere dicir que non pense en xogar en superior categoría».
Sobre se lle gustaría atopar agora, no mercado de inverno, un equipo da Segunda División declarou que «é moi difícil que marche do Pontevedra: non me van seducir cunha chamada nin a mín nin á directiva, imaxínome, e non creo que poda marchar».
Dende que Nino Mirón o rescatou do Albacete, onde o adestrador lle roubara todo o protagonismo, Rubén Reyes sempre plantexouse que o seu obxectivo é «subir co Pontevedra xa que hai un bo equipo e é unha asignatura que aquí temos pendente moitos xogadores e temos que demostrar ese compromiso con este clube».
Aínda que o seu punto de mira sempre estará fixado na máxima categoría, Rubén Reyes asegura que está a gusto no Pontevedra: «Gustaríame xogar o play off aquí xa que síntome ben, polo que espero pasarme moitos anos con eses mesmos proxectos que hai agora mesmo e con miras sempre cara adiante xa que o club ten capacidade para ir para arriba».
A Voz de Galicia