30 - 12 - 2006
[30/12/2006]/O Clube Deportivo Lalín ten esta tarde ás 17 horas unha cita no Manuel Anxo Cortizo fronte ao Pontevedra. O conxunto da Segunda División B visita Lalín para desputar un amigable co que o clube local tentará recadar fondos para as arcas roxinegras. Tanto Lalín como Pontevedra aproveitarán o encontro de hoxe para comprobar como lle sentaron ás dúas plantillas as vacacións de Nadal. Aínda que o Lalín estivo nos últimos días traballando, e a semana pasada desputou un amigable contra o combinado do Deza, o encontro de hoxe serviralle a Gelucho para tomarlle o pulso á plantilla. O técnico comprobará os avances dos seus homes, e perfilará o xogo de cara á reanudación do campionato ligueiro. O Lalín retoma a competición oficial o primeiro domingo de ano fronte ao Ordes no encontro correspondente á xornada 18 de Liga.

Seriedade.- Tanto un equipo coma o outro afrontan o partido desta tarde con seriedade a pesar de ser un amigable. Os dous conxuntos queren comprobar o momento no que se atopan, e o seu nivel de xogo, e para iso botarán man de tódolos seus efectivos. Gelucho non poderá contar para o encontro desta tarde con Javi López, Nando nin Luís, e agardaba non ter máis ausencias de última hora. O técnico local voltará contar co xuvenil Adrián, e botará man doutros dous rapaces do equipo de Román.
Pola súa banda, o Pontevedra chega ao Manuel Anxo Cortizo con tódolos seus efectivos. Alberto Argibay, técnico do conxunto da Segunda B, plantexará dous equipos distintos en cada parte. O cadro pontevedrés vén de desfrutar dunha semana completa de descanso, e quere voltar ao traballo serio canto antes.

Estratexia.- A superior categoría do Pontevedrá será definitoria á hora de enfocar a estratexia desta tarde do equipo de Gelucho. A maior movilidade e dominio de balón que se lle presupón aos do Lérez obrigará aos lalinenses a despregar un xogo con maior profundidade defensiva.
Dende a chegada de Gelucho o balance defensivo do equipo está a ser positivo, con tres goles encaixados en catro encontros. Esta tarde o técnico do Clube Deportivo Lalín probará os avances do seu equipo tanto táctica como fisicamente logo do parón de Nadal.




A Voz de Galicia
Nova engadida por JBA @ 12:49  | Actualidade
Opinións (0)  | Enviar
Opinións