[27/01/2007]/O Pontevedra afronta este domingo no Anxo Carro o segundo derbi consecutivo. Despois de vencer pola mínima ao Racing de Ferrol, será agora o Lugo o rival que poñerá a proba o bo momento dos granates, que defenderá por primeira vez o liderato e tentará mantelo acadando unha nova victoria coa que poñería un broche de ouro a este mes de xaneiro, no que conta tódolos seus encontros por victorias. Alberto Argibay viaxa con 17 futbolistas ata terras lucenses. Convocou a Bonis, Saizar, Asier, Baggio, Dumast, Vazquez, Azparren, Machado, Organista, Nasser, Humberto, Victor, Rubén Reyes, Charles, Baptiste, Igor e Yuri. Quedan na cidade do Lérez Luciano, Fran Rico e Tiago Belmonte. No que respecta ao once titular, non haberá trocos; xogarán os mesmos que o fixeron nas derradeiras xornadas, é dicir, Bonis, Asier, Baggio, Vazquez, Machado, Victor, Organista, Ruben Reyes, Charles, Igor e Yuri.
Enfronte estará o Lugo, recén ascendido e que xa se enfrontou dúas veces ao cadro granate na presente campaña. O balance lles é favorable, pois arañaron un punto na segunda xornada en Pasarón (0-0) e na Copa Xunta venceron por 2-0 ao equipo de Argibay. Agora, a situación parece que trocou, que é o Pontevedra o que pasa por un mellor momento e o ugo o que ten certos problemas para sacar adiante os partidos, en parte, por culpa dos problemas coas lesións e sancións. Para esta xornada, Fidalgo non poderá contar con Cuellar e Muíña por lesión, nin con Dani Carril e Moncho por sanción. Polo tanto, haberá trocos e modificacións no once: Con Roberto Valeiro baixo paos, Iván Pinino deixará o seu posto no lateral dereito a Bardal para cubrir a baixa de Carril no costado esquerdo. No centro da defensa estarán Aira e Germán. No centro do campo, Richard Penella, recuperado da súa lesión, entrará no once por Miguelez; Oscar, Pablo Martínez e Pablo Rodríguez completan o centro do campo. Na zona de ataque continuarán Sergio, en plena racha goleadora, e Marcos Suárez. Todo para que o Lugo volva a conseguir unha victoria no Anxo Carro, feito que non sucede dende o pasado 19 de novembro, cando derrotou ao Orientación Marítima por 2-0.
O encontro disputaráse este domingo a partir das 17 horas no estadio Anxo Carro e será dirixido polo colexiado galego Gonzalo Goyanes López.