[04/05/2007]/Cumprido un partido de sanción, Fran Rico volverá ao once de saída este domingo ante o Raio Vallecano. Así o ten decidido Javi Gracia, que poderá formar co seu once de gala xa que non ten ningunha baixa e só Dumast é dúbida para o partido ante os rayistas.
O técnico navarro afirma estar moi contento de como vai o traballo e convencido de que as cousas van saír ben. Explica que ante os poucos partidos que quedan os puntos son máis importantes e recalca, en canto ao partido do domingo, que se enfrontarán dous equipos que queren ser líderes.
Toda vez que Fran Rico xa está dispoñible, o canteirán formará no doble pivote xunto con Organista. Un Fran Rico que dí que o do domingo "vai ser un partido importante, bonito para afección e para o equipo; temos que conseguir os tres puntos como sexa para poñernos de líderes".
Organista, pola súa parte, sabe que "vai ser un partido difícil". O mediocentro portugués sabe que o Raio "vai vir a Pasarón a xogar e a buscar os tres puntos, pero diante van ter a un Pontevedra que vai buscar o liderato".
Polo tanto, agárdese un bonito espectáculo o domingo entre dous dos favoritos a estar a vindeira tempada na Segunda División. Ogallá se cumpran os pronósticos.